Arranca o programa de dinamización lingüística Nadal en rede 2014

Categoría: Nova

Trátase dun espectáculo teatral producido por Os Quinquilláns Teatro e a Editorial Galaxia, sobre o título 'Espantallo Amigo'. É unha adaptación da obra de Xosé Neira Vilas, dentro do programa de dinamización lingüística Nadal en Rede 2014, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Estamos diante dunha historia de xenerosidade. Teatro dentro do teatro. Unha obra para sorprendernos, para aprender pero tamén para pensar.
O espantallo que o tío Ramón coloca na figueira non só logra salvar a froita, tamén fai crecer nas xentes a necesidade de coidarse os uns aos outros. Unha vez conseguido isto, o espantallo aproveita un refacho de vento para ver mundo. Na súa viaxe, descobre a un neno e unha nena moi pobres e, nun acto de xenerosidade absoluta, decide deixar de existir para que os nenos teñan roupa, comida e leña para pasar o inverno.

A trama, creada por Xosé Neira Vilas, está contada, na versión teatral de Os Quinquilláns, polos nenos que, no seu día, conseguiron superar a miseria grazas á xenerosidade do espantallo amigo e que, xa convertidos nun home e unha muller, queren facer unha montaxe teatral que mostre o sucedido.

Este espantallo amigo non é un "espantallo amigo" sen máis. Os Quinquilláns ofrécennos unha montaxe teatral que supón un diálogo espectacular e novo entre o teatro e a literatura, entre a narración e a representación. Unha forma diferente de ver o teatro. Unha maneira distinta de ler un libro.

Partindo da obra de Xosé Neira Vilas, Lito Penabade e Tero Rodríguez ofrécennos a súa lectura desta obra que xa viaxou polos teatros de medio mundo e que agora aterra en Galicia, acompañada do libro orixinal, en edición especial para esta campaña, para completar un traballo transversal que lles permitirá aos espectadores-lectores comprender as relacións entre as distintas linguaxes artísticas.

Ao mesmo tempo, momentos para a risa, a reflexión e, tras o teatro, para a lectura demorada na casa, xa que todos os que asistan salirán cun 'Espantallo amigo' nas mans. Porque queremos que o pouso que quede dentro dos nosos corazóns despois de coñecer ao espantallo e aos outros dous adultos (que un día foron neno e nena, como o público asistente), agrome de volta en casa, co libro entre as mans, completando así o ciclo creativo que vai de Neira Vilas a Os Quinquilláns e de Os Quinquilláns a toda a cativada.

Comparte nas túas redes sociais ou por email