Este xoves, Editorial Siruela e Galaxia organizan a presentación do libro de María Solar, 'O meu pesadelo favorito' (Premio Lazarillo 2014). No acto acompañarán á autora Mercedes Queixas Zas, a ilustradora María Lires e o editor Francisco Castro.
Desta obra falou así o poeta Antonio García Teijeiro no seu blogue 'Versos e aloumiños': "O meu pesadelo favorito é un paso máis na consistente carreira literaria de María Solar. Unha carreira na que une a boa literatura e un coñecemento moi claro das persoas ás que van dirixidos os seus textos. Persoas que somos todos, sexa dito.
Un libro intelixente, enxeñoso, divertido, crítico que atesoura unha dose enorme de literatura, que conta coas ilustracións de María Lires expresivamente divertidas.
Un libro para gozar.
Un libro para pensar.
Un libro para perderse por el, nas súas aventuras e que fai que respectemos e queiramos máis o que nos rodea".