Presentación do libro gañador do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio correspondente ao ano 2013. Participarán, xunta o autor, na librería Couceiro de Santiago, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Amalia Baltar Estévez en representación de Gas Natural Fenosa, e Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia.
Cando recibiu o premio, o xurado valorou moi especialmente a modernidade da análise da situación actual de Galiza e o novidoso da formulación dos retos da sociedade galega de hoxe. O xurado recoñece así os méritos dunha obra na que unha cuestión sobranceira é a busca de alternativas colectivas conciliadoras arredor do concepto integrador de nación; cunha visión optimista de futuro.
Xaime Subiela Pérez (Chantada, 1969), investigador social e consultor público, desde 2009 traballa como profesional autónomo.
Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela, 1996, nas especialidades de Estudos Políticos e Estudos Internacionais; posgrao de especialización na Unión Europea e master de Cooperación Internacional pola USC.
Socio-fundador da empresa Cidadania na que participou na súa dirección estratéxica e comercial, e no desenvolvemento do traballo de investigación e consultoría entre 1998 e 2006 en temas relacionados coa participación cidadá, planificación estratéxica, normalización lingüística, desenvolvemento sustentable e coa cultura.
Como traballos máis desatacable podemos sinalar:
Coordinador técnico da Reflexión estratéxica sobre a cultura galega. Consello da Cultura Galega. 2010-2011.
Coordinador de contidos da Cidade da Cultura de Galicia, como asesor da Consellería de Cultura e Deporte. Baixo a súa dirección elaboráronse os plans directores de cada un dos centros, incluídos os actualmente abertos: Arquivo e Biblioteca de Galicia. 2008-2009.
Responsable da elaboración de diversos proxectos de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal en materia cultural, entre eles o Proxecto Creativa: a industria cultural galego-portuguesa, financiado polo Interreg IV.
Asesor técnico do primeiro Anuario de Estatísticas Culturais de Galicia 2006.
Coordinador xeral do proceso de participación social das Axendas 21 locais das cidades do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. 2003-2005.
Director da investigación do Informe de Política Lingüística e Normalización en Galicia do Consello de Cultura Galega. 2000-2002.
Director técnico dos Plans de Normalización Lingüística dos concellos de Ferrol e Santiago. (2001-2003)
Participa habitualmente como docente en diversos masters no relacionado coa planificación pública e a participación cidadá, e como relator en diversos congresos do ámbito lingüístico e cultural, sendo autor de publicacións de referencia nestes campos.
Vicedecano do Colexio de politólogos/as e sociólogos/as de Galicia, e colaborador habitual da Radio Galega, e da revista Tempos Novos na que foi coordinador do Informe Galicia 2010.