Marcelino Agís Villaverde, profesor de Filosofía na USC, estivo acompañado neste acto por Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, José Manuel García Iglesias, director de Acción Social de Caixa Galicia, Xavier Martínez Cobas, secretario do padroado da Fundación Isla Couto -coeditora do libro-, e Xerardo Fernández Albor, ex Presidente da Xunta de Galicia.
Ante un auditorio case cheo o autor explicou que con este ensaio de creación filosófica trata de recuperar unha tradición de pensamento como a de Ramón Piñeiro, que non é incompatible coa vocación de universalidade que debe ter o pensamento e coa de formar parte das ideas filosóficas europeas, e coa pegada dos seus grandes mestres, Paul Ricoeur e Carlos Baliñas, presente entre o público.
Trátase dunha reflexión sobre a condición humana contemporánea, sobre a metáfora do Camiño, entendendo ao home como un camiñante, e con temas como a educación e os valores que ha de ter toda sociedade entre os desafíos cos que nos topamos nas encrucilladas.
Para Marcelino Agís o home camiña cara un fin irrealizable: a felicidade, que si se pode alcanzar en pequenas doses, que el denomina "felicidade sostible".