O venres 12 de novembro, celebrarase, ás 20:00 h, dentro do programa Club Faro de Vigo, a presentación do libro Unha nova Olanda. De Ferrol ao Porto: as cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global, de Antón Baamonde, no MARCO de Vigo.
Acompañando o autor, estará Xoaquín Fernández Leiceaga, profesor de Economía Aplicada na USC e senador; e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Publicado na colección Ensaio de Editorial Galaxia, Unha nova Olanda defende unha reinterpretación urbana da realidade de Galicia; pénsaa como unha única cidade con varios nós. Un diamante con vértices nas súas sete grandes cidades. Antón Baamonde, avoga por densificar a trama urbana e mellorar as redes de transporte.
A trama urbana do país, ese heptágono fenomenal, está inmersa en procesos planetarios, onde as súas grandes empresas teñen a mirada posta en horizontes globais que son fiestras de oportunidade.
“Hai décadas que máis da metade da poboación do país, o 70%, vive en contextos urbanos, tal e como define este criterio a Unión Europea. A cultura, os modos de vida, a sociabilidade, a identidade persoal, o consumo de masas, teñen os trazos dunha sociedade urbana”, asegura o profesor e ensaísta.
Cada cidade galega ten o seu propio carácter. As identidades urbanas —A Coruña, Vigo, Santiago…— son un país ignoto por explorar.
Antón Baamonde (Vilalba, 1959) é profesor de filosofía e ensaísta. Publicou o seu primeiro libro, A favor da esperanza, en 1987, ao que seguiron O marxismo e as linguaxes, Sobre o tempo e outros desatinos, A rosa sen porqué e o libro de entrevistas, La reinvención de España; ademais de participar no libro colectivo Catro ensaios sobre a esquerda nacionalista. Animou a revista e o foro “Luces de Galicia” e colaborou na sección de opinión de La Voz de Galicia. Está considerado como unha das voces máis orixinais e independentes da Galicia contemporánea.