Presentación de “Un mundo sen luz”, en Vigo

Categoría: Nova

O martes 12 de abril, ás 20 h, celebrarase, na libraría Cartabón de Vigo, a presentación de Un mundo sen luz, de Kike Gómez, ilustrado por Antonio Seijas.
Acompañando o autor e o ilustrador, estará Sara Valcárcel, responsable de Comunicación e Novos Proxectos de Editorial Galaxia.
Un mundo sen luz é un álbum ilustrado que fala da importancia de afrontar a adversidade a través do enxeño. Nesta historia, certo día, sen previo aviso, a luz esfumouse, aínda que ninguén na sociedade semellaba decatarse do que acontecera.
As persoas facíanse preguntas, nuns tempos cheos de escuridade, tratando de buscar a resposta correcta á situación que todas e todos atravesaban.
Cando miraron para arriba, decatáronse de que o sol se apagara.
Entre todas as persoas, buscaban a solución pero, axiña, déronse conta, de que o máis importante era mirar ao interior.
Esta historia amosa a importancia de traballar en conxunto, na procura de solucións colectivas, buscando, a luz, entre todas.
Kike Gómez (Lugo, 1985) Autor galego de literatura infantil. Licenciado en Socioloxía na Coruña. Comezou escribindo por afección e pouco a pouco descubriu unha vocación. Na súa traxectoria profesional como escritor publicou varios libros infantís e colaborou con artículos e contos en diversas revistas. En 2015 foi finalista, xunto a María Canosa e Dani Padrón, na XVIII Edición do premio de Contos Ilustrados da Diputación de Badajoz, recibindo unha mención de honor. Tamén desarrola a súa actividade narrativa na blogosfera compartindo o seu amor polos libros ilustrados.
Antonio Seijas (Ares, 1976) Historiador da Arte, ilustrador, pintor e autor de banda deseñada. Publicou tres novelas gráficas: Un hombre feliz, gañadora do Certame Castelao (2006) e premio do público ao Mellor guión no Saló del Còmic de Barcelona (2008), que tamén foi adaptado a formato radio-teatro pola Radio Nacional Eslovena; Cartas de inverno, premio Isaac Díaz Pardo ao mellor Libro Ilustrado da Asociación Galega de Editores (2012); La luz, nominada Mellor Obra Nacional en Expocómic (2014). Deseña revistas, xornais, libros e tamén libretos de discos, como os do grupo Marillion. O soño da serpe é a súa primeira novela.

Comparte nas túas redes sociais ou por email