No pasamento de Arcadio López-Casanova

Categoría: Nova

Hoxe recibimos a noticia do pasamento de Arcadio López-Casanova (Lugo, 1942), aos 79 anos de idade, en Valencia.

Poeta, profesor e académico, el foi unha figura poliédrica que deixa tras de si unha importante obra literaria e como investigador. Considerado como un dos grandes poetas galegos contemporáneos, pertence á xeración de escritores coñecida como os ‘Novísimos do 68’.
Con catorce anos xa colaboraba en El Progreso. Foi un dos fundadores da revista Escritos. Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, onde se relacionou con escritores como Novoneyra, Xohana Torres e García-Bodaño, e con destacadas figuras do galeguismo, como Otero Pedrayo, García-Sabell e Ramón Piñeiro.

Recibiu o Premio da Cultura Galega 2011 na categoría de Letras. En 2021, foi elixido membro honorífico da Real Academia Galega polos seus méritos como escritor, ensaísta e poeta.
Na Editorial Galaxia publicou o poemario Noite do degaro, un banzo máis na complexa e rica traxectoria poética de López-Casanova.
O seu estilo centrábase no dramatismo do paso do tempo, a ansia por preservar a inocencia infantil e a comprensión humana do evento traumático que é a morte.
Unha figura singular, cunha grandísima visión poética.
Dende a familia da Editorial Galaxia sumámonos ás mostras de dor polo seu falecemento e mandámoslle a todos os que o quixeron e admiraron, todo o noso agarimo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email