10 títulos e 2 coleccións da Editorial Galaxia son finalistas nos Follas Novas

Categoría: Nova

Os prestixiosos Premios Follas Novas do Libro Galego completan a súa primeira fase de selección escollendo 10 títulos e dúas coleccións da Editorial Galaxia, entre os seus finalistas.

Na categoría de Ensaio e investigación, resultaron escollidas as obras Castelao. Construtor da nación. Tomo III. 1940-1950, de Miguel Anxo Seixas Seoane, que completa o estudo arredor do intelectual rianxeiro, e O idioma galego baixo o franquismo. Da resistencia á normalización, de Henrique Monteagudo. En Divulgación,  H2… Oh!!! Pingas científicas, de María Canosa, ilustrado por Luz Beloso, e Vermellos e laicos. A represión fascista do maxisterio coruñés, pertencente á colección Memoria Histórica de Editorial Galaxia, de Narciso de Gabriel.
Na categoría Narrativa, foron seleccionadas as novelas A vida secreta de Úrsula Bas, de Arantza Portabales, e As malas mulleres, Premio Blanco Amor 2021, de Marilar Aleixandre. En Infantil,  A caca Cuca, de Irene Alonso Gasalla, ilustrado por Bea Gregores.
En Iniciativa bibliográfica, destacaron os tres volumes de Castelao. Construtor da nación, publicado na colección Grandes Biografías de Editorial Galaxia, da autoría de Miguel Anxo Seixas Seoane, e a nova colección Memoria Histórica, de Galaxia.
Notas sobre a extinción, de Marta Dacosta Alonso, resultou finalista na categoría Poesía e, en Teatro, Fillos do sol, de Cándido Pazó e Identidade, de Nee Barros.
En total, máis de setenta títulos son candidatos aos premios Follas Novas nas doce categorías trala primeira fase de selección realizada polo xurado destes galardóns que, na seguinte fase escollerá tres finalistas e, na última, os títulos gañadores en cada unha das categorías. Os resultados destes premios daranse a coñecer na gala que terá lugar no Teatro Principal de Santiago o vindeiro 7 de maio. 
Os Premios Follas Novas do Libro Galego, coñecido nas cinco primeiras edicións (2016-2021, ambas incluídas) como Premios da Gala do Libro Galego, son uns galardón que se entregan como parte dun evento cultural de carácter anual que ten por finalidade distiguir as mellores obra e iniciativas literarias de cada ano (sempre a ano vencido). Os convocadores son a Asociación Galega de Editoras, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Comparte nas túas redes sociais ou por email