Esta semana chegará aos nosos almacéns o novo libro de Xosé Ramón Pena, En tempo de desconto.

Atopámonos perante un autor que pertence á mellor tradición de contistas do noso país. Este libro de relatos, publicado na colección Literaria, é a confirmación diso, e de que estamos diante dun dos mellores narradores das letras galegas.

Esta obra está conformada por un mollo de historias que poderían ser en si mesmas partes dunha novela que as transita e atravesa e onde os personaxes, atrapados na vida, atropelados por ela, gobernan como mellor poden o seu destino. Coma as vías dun tren que nos leva, pero que non se sabe cara a onde, os que viven nestas historias veranse guiados por horizontes sorprendentes e inesperados que lles farán aceptar derrotas, gañar batallas e, en definitiva, vivir.

A escrita de Xosé Ramón Pena fainos viaxar, ademais, por un pasado posible, non por ficcionado menos verdadeiro. Un libro perfecto nos seus tempos, no soño ao que nos convida e polo xogo que, palabra a palabra, maxia da linguaxe, nos propón e nos reta.

Un libro magnífico que, axiña, estará en todas as librarías de Galicia.

O mércores 20 de abril, celebrarase, ás 20 h, no MARCO de Vigo, unha conferencia-coloquio, arredor do libro, que leva por título “En tempo de desconto. Relatos sen data para o século XXI”, organizada polo Club Faro.

Acompañando o autor, estarán a escritora e tradutora Moncha Fuentes, e Xesús Domínguez Dono, director de produción de Editorial Galaxia.

Xosé Ramón Pena (Betanzos, 1956) é narrador, ensaísta e historiador da literatura. Asemade é colaborador habitual en prensa e asesor literario do suplemento “Faro da cultura”.
No espazo da ficción é autor de novelas e volumes de relatos: O reverso do espello (1984), Para despois do adeus (Premio Xerais, 1987), Paixóns privadas (1991), A era de Acuario (1997), Fado de princesa (2005), A batalla do paraíso triste (2008), Como en Alxeria (2012) e Todas as vidas (2020). Polo que se refire ao ensaio e á historia da literatura, publicou, entre outros títulos, Manuel Antonio e a vangarda (1996), Historia da literatura medieval galego-portuguesa (2002), Martín Codax e os xograres do Mar de Vigo (2017) e os catro volumes que conforman a Historia da literatura galega (2013-2019).

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR