O xoves 4 de maio, celebrarase, ás 19 h, na libraría Berbiriana da Coruña, a presentación de Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004), de Luísa Villalta, en edición de Armando Requeixo.
Acompañando o editor, estarán Susana Villalta, irmá de Luísa Villalta, Diana Varela Puñal, poeta, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), alén de extraordinaria poeta, foi tamén unha destacada narradora, dramaturga, ensaísta, filóloga e violinista. Na súa obra teatral salientan “Concerto para un home só” (1989), “O representante” (1990), “O paseo das esfinxes” (1991) e “As certezas de Ofelia” (1999). Como narradora publicou “Siléncio, ensaiamos” (1991), “Teoría de xogos” (1997) e “As chaves do tempo” (2001). Na súa faceta de ensaísta deu á luz “O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral” (1992) e “Libro das colunas” (2005), así como “O outro lado da música, a poesía” (1999), reeditado por Editorial Galaxia en 2020.