O xoves 28 de decembro, celebrarase, ás 19 h, no restaurante de El Corte Inglés, na Coruña, a presentación de Os afogados, Premio Illa Nova de Narrativa 2023, de Pablo J. Rañales.
Acompañando o autor, estarán Fuencisla Cid, Directora de Comunicación, Relacións Institucionais, Marketing e Sostenibilidade de El Corte Inglés en Galicia e Asturias; Xosé M. Soutullo, Director Xeral de Editorial Galaxia; e Malores Villanueva, editora e coordinadora do Premio Illa Nova.
O autor Pablo J. Rañales gañou, nesta edición 2023, o Premio Illa Nova de Narrativa por Os afogados, unha distopía que leva á reflexión sobre as relacións humanas, a contorna e o medio ambiente.
Publicada na colección Literaria de Editorial Galaxia, esta obra, introduce ás lectoras e lectores sobre unha nova especie animal que invade a Galicia do século XXI. Os afogados, uns seres compostos de cunchas, algas e navallas, emerxerán do máis fondo do Océano Atlántico e encherán todas e cada unha das praias.
Que queren? A que agardan? Por que teñen forma antropomórfica?
A humanidade terá que buscar as respostas á vez que afrontan este reto, dende o plano social e colectivo.
Empregando a linguaxe inclusiva, Rañales achega a súa escrita, a través de diálogos directos, sen artificios. Nesta historia, o autor sitúa a familia ao servizo da comunidade, introducindo o tema do medo, e os tan actuais discursos de odio.
Unha interante reflexión sobre a relación coa natureza e a viralización dos discursos de odio, ademais de relexionar sobre a función da ciencia e a paisaxe nas nosas vidas.
A Editorial Galaxia coa colaboración do Ámbito Cultural El Corte Inglés convoca cada ano o Premio Literario Illa Nova de Narrativa para autores e autoras menores de 35 anos co obxectivo de estimular a creación. En 1957 a Editorial Galaxia botou a andar a colección Illa Nova, coa que pretendían dar continuidade ao proxecto da editora a través das novas xeracións, sempre con vontade de renovación. Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección onde saíron algunhas das principais obras do que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”. Con esta mesma finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria, en 2017 nacía o Premio Illa Nova de Narrativa, que este ano acadou a súa sétima edición.