Pakolas presenta xunto á Ramona pequena “Voltar”, canción recollida no LibroQr, publicado na colección Sonárbore de Editorial Galaxia, en 2023, A Ramona pequena vai á Lua.
A Ramona pequena vai á lúa, de Pakolas, ilustrado por Laura Romero. Viaxa coa Ramona pequena dende os seus pensamentos ata a Lúa, dende as súas inquedanzas ata as súas xenialidades e dende o seu maxín ata onde queiras chegar. Quebra os límites con nós nesta nova aventura rockeira!
O LibroQR que recolle o conto da pequena Ramona Órbita, e as letras das 10 novas cancións de Pakolas, conta ademais cunhas fermosas ilustracións de Laura Romero, que de seguro farán as delicias dos máis cativos. A ilustradora, licenciada en Belas Artes na Universidad de Salamanca, participou en todo o proceso creativo desta peculiar personaxe e as súas aventuras.
A edición do libro dispón de 2 códigos QR, un deles para a escoita e descarga das cancións, e outro para descarga de material de traballo e unidades didácticas dispoñibles tanto para os escolares como o público xeral.
Paco Cerdeira comezou os seus pasos como membro de Mamá Cabra, e tras case dez anos formando parte desta formación, en 2014 decide formar unha banda de música infantil, e nace así A Gramola Gominola, que conta xa con tres libro-discos editados por Sonárbore (Ed Galaxia), “A Gramola Gominola” (2015) do que é autor de tódalascancións, “Cancións para desafinar” (2017) e “Bravas. O rexurdir da luz” (2019), nos que conta cunha gran parte das composicións. A finais do ano 2015 comeza a artellar o seu proxecto persoal e nace así a proposta de “Pakolas” naque segue a traballar para os cativos con letras e composicións propias. O seu primeiro traballo en solitario sae á luz en novembro de 2017, un libro-disco editado pola Editorial Galaxia na súa colección Sonárbore, co seu nome“Pakolas”, e conta con dez cancións en galego feitas en colaboración e co apoio do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia. En 2020 estrea na mesma colección, o álbum “Ramona Órbita, a dona do tempo” Agora en 2023, e na mesma colección Sonárbore, sae editado este seu terceiro libro musical libro titulado “A Ramona pequena vai á Lúa”.
Os seus espectáculos en formato individual, ou acompañado pola ilustradora Laura Romero, seguen a xirar por toda Galicia, coa estrea de novas montaxes escénicas e musicais baseadas no novo álbum. Continúa a súa xira por toda Galicia neste 2023.