Presentación de “Obra dramática inédita en castelán”, en Vigo

Categoría: Nova

A Fundación Penzol – Casa Galega da Cultura, en Vigo, acollerá este martes, 13 de outubro, ás 19:30 h, a presentación de Obra dramática inédita en castelán. Clara – Helena – La madreselva, de Ramón Otero Pedrayo, nunha edición a cargo de Manuel F. Vieites.

A publicación recupera tres textos dramáticos inéditos de Ramón Otero Pedrayo, escritos en castelán, que permiten achegarse aos primeiros pasos literarios dunha das grandes figuras da cultura galega.

Clara, Helena e La madreselva constitúen un valioso testemuño dos inicios da súa traxectoria como escritor. Cando menos unha destas obras é anterior ao comezo da súa carreira literaria en lingua galega, arredor de 1929, o que converte esta edición nunha oportunidade para coñecer unha faceta menos difundida da súa produción.

O acto contará coa participación de Manuel F. Vieites, responsable da edición, e de Xosé M. Soutullo, director da Fundación Penzol e conselleiro de Editorial Galaxia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email