Esta proposta non pretende prescribir, senón entender. Entender, para que hoxe poidamos darlle outra volta máis sobre como queremos que sexa a Galicia do futuro. Ramón Piñeiro, protagonista indiscutible da nosa “batalla cultural” pola definición do paradigma nacional, transcende os lindeiros de ser unha personalidade histórica para facer, a partir do seu apelido, a catalogación dunha cultura política: “piñeirismo”.
Como afirma o autor no limiar do libro “estamos ante un ordenador de ideas, un procurador de vocacións e un impulsor de proxectos. O seu labor na política galega non se pode resumir no que vulgarmente entendemos por unha ‘vocación política’, unha querenza por acadar certo poder, ocupar unha responsabilidade ou pasar á historia. O intelectual lucense xamais procurou iso para si. No entanto, era plenamente consciente do atraso económico que padecía o país”.
Serxio María Rodríguez Álvarez (Ourense, 1996). Cursou estudos de Dereito e Ciencias Políticas —especializándose nesta disciplina no eido da historia do pensamento político—, e estudos de posgrao en Historia Contemporánea, na especialidade de Historia Política e dos Nacionalismos. Desenvolve o seu labor investigador ao abeiro do grupo Historia Política e dos Nacionalismos (HISPONA), con especial atención aos eidos da historia dos nacionalismos, as identidades, o pensamento político, a historia das institucións e as personalidades.
É autor de artigos académicos sobre o nacionalismo galego, a dereita española, os nacionalismos en España, o Couto Mixto e a fronteira galego-portuguesa, e personalidades destacadas na historia política: Vicente Risco, Ramón Piñeiro, Joan Fuster, Jordi Pujol e Manuel Fraga, entre outros.