Presentación de “O lugar onde vou”, en Neda

Categoría: Nova

O mércores 28 de decembro, celebrarase, ás 19:30 h, na Casa das Palmeiras de Neda, a presentación de O lugar onde vou, de Vicente Araguas.

Acompañando o autor, estará o escritor Eduardo Fra.

Este libro de relatos, de Araguas, ten a peculiaridade de presentar variantes sobre unha realidade posible e outra máis que improbable. En palabras do propio autor, “este libro trata de xente; de xente que vén ou vai a algunha parte, de aí o título. Para min, a vida é circular, daquela, nesta obra, os personaxes sempre andan procurando algo, malia que non saiban exactamente o que”.

Araguas fala de medo, e de bares onde, ao non pasar nada, pasa de todo, de casas grandes que ven, sen poder facer nada, como as mulleres se descolgan dos cadros, de parellas dispares en idade que falan de raíñas consumidoras compulsivas de arroz con leite.

Un festival de maneiras de querer, de ir mirando como a vida acontece, de realismos extracorpóreos e de corpos que liscan alén da realidade, o deste libro de relatos, que fai debutar o autor en Editorial Galaxia.

Vicente Araguas (Xuvia-Neda, 1950) é doutor en Filoloxía Inglesa, con tese sobre Bob Dylan e o seu mundo poético, o que dalgunha maneira nos leva aos seus antecedentes como cantautor que se remontan a Voces Ceibes, na Compostela de 1968, do que partiu o libro Voces Ceibes (1991), un volume que se pode ler en clave de ensaio mais tamén de narrativa autoficcional. Poeta, narrador, ensaísta e crítico literario, publicou en galego as novelas Agora xa foi (2000) A canción do verán (2002) e Través do trebón (2020), e o libro de relatos, Xuvia-Neda (2010). Logo dun longo percorrido como ensinante, encetado en Escocia, onde escribira o seu primeiro libro de poemas Paisaxe de Glasgow (1978). Entre os seus premios destacan o Reimóndez Portela de xornalismo e o Patrimonio musical de Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email