Presentación de O FUTURO É POSIBLE na Coruña

Categoría: Nova

O expresidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, presentará as súas memorias políticas, tituladas O FUTURO É POSIBLE. O autor estará acompañado polo exdeputado e analista político Anxo Guerreiro e polo director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes.

Emilio Perez Touriño (A Coruña, 1948) reúne en arredor de 450 páxinas semblanzas e documentos da súa experiencia política, tanto como secretario xeral do PSdeG-PSOE dende 1998, posto no que substituíu a Francisco Vázquez, como na súa condición de presidente da Xunta de Galicia entre agosto de 2005 a marzo de 2009, ao frente dun goberno constituido polo PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego.
Este goberno, popularmente denominado o Bipartito, é o centro da reflexión e do relato, aínda que este se remonta ao proxecto socialista e galeguista que Pérez Touriño inicia coa súa chegada á secretaria xeral do PSdeG-PSOE, secretaria que abandona logo do fracaso electoral do 2009.
En certa maneira é un libro de memorias políticas, que atinxen ese período (1998-2009), mais tamén un libro de ensaio e reflexión, mesmo de propostas concretas cara ao futuro, algo que lle dá sen dúbida unha grande actualidade.

A tese básica sobre a que se sostén o discurso do autor é que sen unha confluenza histórica entre a socialdemocracia galeguista e o nacionalismo democrático non hai posibilidades ningunha de construir unha alternativa política crible diante da dereita (o Partido Popular).
¿En que medida o goberno bipartito ensaiou ou queimou ese camiño? ¿En que cousas acertou e en que cousas, en opinión do autor, fracasou?
Trátase dun libro moi esperado, no que o autor traballou cada unha das partes procurando documentar cada información, en moitos casos referida á organización interior dos partidos e, noutros moitos, explicando e informando de cuestións xerais, polémicas e debates, cuestións non sempre ben aclaradas, que sen dúbida han de interesar aos lectores e lectoras.
No título do libro, o autor fai unha aposta de futuro e abre un debate de ideas que se desenvolve sobre todo na parte final.

Comparte nas túas redes sociais ou por email