Presentación de O FUTURO É POSIBLE en Vigo

Categoría: Nova

Galaxia presentará o libro, co autor, Hixinio Beiras Cal e o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, hoxe xoves, ás 20 h, na Casa do Libro de Vigo.

Emilio Perez Touriño (A Coruña, 1948) reúne en arredor de 450 páxinas semblanzas e documentos da súa experiencia política, tanto como secretario xeral do PSdeG-PSOE dende 1998, posto no que substituíu a Francisco Vázquez, como na súa condición de presidente da Xunta de Galicia entre agosto de 2005 a marzo de 2009, ao frente dun goberno constituido polo PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego.
Este goberno, popularmente denominado o Bipartito, é o centro da reflexión e do relato, aínda que este se remonta ao proxecto socialista e galeguista que Pérez Touriño inicia coa súa chegada á secretaria xeral do PSdeG-PSOE, secretaria que abandona logo do fracaso electoral do 2009.
En certa maneira é un libro de memorias políticas, que atinxen ese período (1998-2009), mais tamén un libro de ensaio e reflexión, mesmo de propostas concretas cara ao futuro, algo que lle dá sen dúbida unha grande actualidade.

A tese básica sobre a que se sostén o discurso do autor é que sen unha confluenza histórica entre a socialdemocracia galeguista e o nacionalismo democrático non hai posibilidades ningunha de construir unha alternativa política crible diante da dereita (o Partido Popular).
¿En que medida o goberno bipartito ensaiou ou queimou ese camiño? ¿En que cousas acertou e en que cousas, en opinión do autor, fracasou?
Trátase dun libro moi esperado, no que o autor traballou cada unha das partes procurando documentar cada información, en moitos casos referida á organización interior dos partidos e, noutros moitos, explicando e informando de cuestións xerais, polémicas e debates, cuestións non sempre ben aclaradas, que sen dúbida han de interesar aos lectores e lectoras.
No título do libro, o autor fai unha aposta de futuro e abre un debate de ideas que se desenvolve sobre todo na parte final.

Comparte nas túas redes sociais ou por email