Presentación de “Millennials”, en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

O xoves 14 de setembro, celebrarase, ás 19:30 h, na libraría Couceiro de Santiago de Compostela, a presentación de Millennials. Unha xeración entre dúas crises, de Raquel C. Pico.

Acompañando a autora, estará María Ramos, xornalista.

Publicado na colección Hoxe é hoxe, de Editorial Galaxia, Millennials, reflexa como a xeración millennial medrou na España que “vai ben”, chegando á idade adulta nun país que estaba na “Champions da economía”. Todo apuntaba a un futuro cor de rosa, mais a realidade acabou sendo moi diferente. A crise de 2008 freou a súa entrada no mundo laboral e a pandemia foi un golpe inesperado cando estaban comezando a ver unha lixeira recuperación. E agora seguen atrapados nunha sorte de eterna xuventude precaria. Dano colateral dunha sucesión de crises históricas, esta xeración está queimada pola precariedade laboral, o inaccesible mercado da vivenda, por ter que pospoñer unha e outra vez os grandes fitos da vida adulta. E, se miran ao futuro, non son optimistas. Malia todo, a gran conquista millennial é, xustamente, que as relacións, as actividades e as realidades importantes poden ser as que decidan que sexan.

Raquel C. Pico (Santiago de Compostela, 1984) é Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e unha das cofundadoras de Librópatas e Disquecool, o primeiro medio de tendencias en galego. Como xornalista colabora con diferentes cabeceiras, como PuroMarketing ou Luzes, escribindo sobre cultura, márketing e tecnoloxía e historia das mulleres, e foi gañadora dos premios de xornalismo Manuel Reimóndez Portela e Dora Vázquez. Podes seguila en @raquelpico en Twitter e @raquelcpico en Instagram.

Comparte nas túas redes sociais ou por email