O venres 15 de setembro, celebrarase, ás 17 h, no Museo do Mar, en Vigo, a inauguración da exposición, que leva por título Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito, arredor do homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023, comisariada por Malós Cabrera e Malores Villanueva.
No acto, estarán, Marta Lucio, directora do Museo do Mar de Galicia; Malós Cabrera e Malores Villanueva, comisarias da exposición; Manuel Puga Pereira, vicepresidente primeiro de Editorial Galaxia e presidente da Fundación Penzol; Marta Fernández-Tapias, vicepresidenta primeira e deputada de Deportes e Cultura da Deputación de Pontevedra; Xesús Alonso Montero; académico da Real Academia Galega; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Celebrarase un percorrido pola exposición.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Formación Profesional e Universidades, no ano das Letras Galegas 2023, dedicado a Francisco Fernández del Riego, presenta a exposición, baixo o comisaridode Malós Cabrera e Malores Villanueva, a colaboración da Fundación Penzol e a Real Academia Galega e produción de Merlín Comunicación (Grupo Editorial Galaxia), a exposición FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO. “Cos ollos do seu espírito”.
De carácter informativo e didáctico, esta exposición ten a finalidade de dar a coñecer por Galicia adiante a relevante figura de Francisco Fernández del Riego, repasando a súa traxectoria vital e profesional para comprender quen foi, que nos deixou e que implica a súa figura no proceso de consolidación do galego e da súa cultura nos tempos recentes, e, tanto máis, ao coincidir co 60 aniversario da instauración do Día das Letras Galegas (1963-2023), do que foi un dos seus principais promotores, ademais de ser cofundador de Editorial Galaxia, co-director e co-fundador da revista GRIAL e director, desde a súa creación, da Fundación Penzol, dos que tamén se conmemora o seu 60 aniversario.
A exposición consta de 14 paneis informativos e mesas-vitrina con material gráfico e documental ao redor do persoeiro homenaxeado.
A mostra inaugurouse en Lourenzá o 10 de maio, para logo instalarse en Vigo e, proximamente, en Santiago de Compostela.