Mañá 17 de xuño, ás oito da tarde, na Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar a presentación do libro 'LABREGO CON ALGO DE POETA. Biografía de Manuel María', do que é autora a profesora, escritora e secretaria xeral da AELG, Mercedes Queixas Zas.
O acto, coordinado por Martiño Maseda, contará coa participación da escritora vilalbesa María Xosé Lamas, de Arturo Ponte, en representación da Editorial Galaxia, a encargada da publicación da obra, e da propia autora.
Entre eles manterán unha charla na que achegarán ao público asistente aspectos da personalidade tan completa e cativadora, como é a de Manuel María, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.