Presentación de “Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo”, na Coruña

Categoría: Nova

O xoves 7 de xullo, celebrarase, ás 19:30 h, na Casa-Museo Casares Quiroga da Coruña, a presentación de Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo, de Marilar Aleixandre e Emma Pedreira.
Acompañando as autoras, estarán Enrique Sáez Ponte (Fundación Juana de Vega), a crítica Inma Otero, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.
Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo, de Marilar Aleixandre e Emma Pedreira é unha lectura fundamental para comprender a vida dunha muller completamente adiantada á época.
Como se comparte no limiar do libro “todas as aventuras, as de Juana de Vega están unidas a desventuras. Sen desventura non hai verdadeira aventura”. Ela foi unha figura clave, que participou de forma activa na vida pública nuns tempos nos que isto non lles estaba permitido ás mulleres. Co seu tesón, conseguiu amosar que as batallas polas causas perdidas son semente de futuro.

Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) é feminista; narradora, poeta, tradutora e membro da Real Academia Galega desde 2017. Dona dunha das voces máis singulares das nosas letras, recibiu os máis importantes premios da literatura galega. O seu labor académico na Universidade de Santiago de Compostela, centrouse na argumentación e no pensamento crítico.
Editorial Galaxia publicou Mudanzas e outros velenos (2017), que reúne parte da súa obra poética; na colección Costa Oeste, Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros (2017) e A filla do minotauro (2018), Premio Raíña Lupa; na colección Literaria, A Compañía Clandestina de Contrapublicidade (1998), Premio Álvaro Cunqueiro e As malas mulleres(2021), Premio Blanco Amor; e, na colección Feminismos, Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2021), xunto con María López Sández.
Emma Pedreira (A Coruña, 1978). Filóloga, escritora e artista plástica. Como poeta, a súa obra atinxe máis de dez títulos, entre os que atopar s/t, O libro das mentirase Antídoto, do que en 2017, un dos seus poemas foi considerado o “Mellor Poema do Mundo” e galardoado co Premio de Poesía Jovellanos.
En 2018 gañou o Premio da Crítica Española, no apartado de narrativa en galego, por Bibliópatas e fobólogos, o Premio Xerais de novela por Besta do seu sangue,e o Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño por As voces ágrafas, e en 2019o Premio Jules Verne por Os corpos invisibles, novela que foi considerada, xunto coa autora, a mellor do ano 2018pola revista electrónica Fervenzas Literarias. En 2020obtivo o Premio da Gala do Libro Galego ao mellor texto xuvenil por Os corpos invisibles. O seu último libro, Os libros que hai en min(2021),é unha biografía bibliográfica que entronca con Bibliópatas e Fobólogos. Como artista gráfica participou nos poemarios O Elo, de Quico Valeiras e Círculo dentro do círculo, de Inma Doval, e na publicaciónXela Arias, poeta nas marxes, e en revistas especializadas como Cuaderno Artístico, Collage eLa jirafa en llamas, entre outras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email