Presentación de GRIAL en Madrid

Categoría: Nova

O director da Casa de Galicia, o xornalista Alfonso Palomares, e o escritor Carlos Reigosa, colaborador de GRIAL e autor de Galaxia, foron os anfitrións. Henrique Monteagudo fixo unha exposición da historia da revista ao longo destas case que cinco décadas, cunha referencia especial aos primeiros Cadernos que se publicaron no ano 1951 e cuxa continuidade foi interrumpida pola administración da ditadura franquista. Víctor F. Freixanes enmarcou a revista no proxecto máis amplo da Editorial Galaxia, que desenvolve as súas actividades cun decidido compromiso coa cultura galega e que inclúe a proxección doutros proxectos culturais do "galeguismo civil" como a Fundación Penzol, a Fundación Isla Couto e a Fundación Otero Pedrayo.

GRIAL ten unha difusión trimestral de case que 3.000 exemplares, e conta co apoio de 750 subscritores. "O noso obxectivo inmediato é intentar chegar ás 1.000 subscricións, para conseguir a estabilidade e a autonomía da revista, que se debe fundamentalmente aos seus lectores, a ninguén máis", explicaron os codirectores na presentación.

A publicación, que insiste na súa condición de "revista galega da cultura" (non exclusivamente da cultura galega), está presente na actualidade en máis de 300 puntos de intercambio internacional: centros galegos, universidades con estudos de hispanismo e seminarios de lusofonía. O número 176, que os lectores poden consultar nesta mesma páxinas web, está referido a Xénero, Sexo e Sexualidade, coordinado nesta ocasión por Dolores Vilavedra e María Xosé Agra, con participación de diversos especialistas.

"Trátase de abordar os grandes temas que preocupan neste momento", explicaron os codirectores de GRIAL. "A nosa idea da cultura é plural e multidisciplinar. Entendemos por cultura o debate necesario sobre as grandes cuestións que caracterizan o noso tempo. Unha cultura aberta para unha sociedade aberta, dinámica, desacomplexada e participativa".

Comparte nas túas redes sociais ou por email