O martes 20 de febreiro, celebrarase, ás 19:30 h, na Biblioteca da EMAO, en Vigo, a presentación de Galicia, distrito industrial, de Antón Baamonde.
Acompañando o autor, estarán Edelmiro Ulloa, xerente da Cooperativa de Armadores; Santiago Lago, catedrático de Economía da Universidade de Vigo; Bibiana Rodiño (Beta Implants); Daniel Hermosilla, CEO de Rodiñas; e Xosé M. Soutullo, director xeral de Editorial Galaxia.
O libro, publicado na colección Ensaio de Galaxia, está composto por conversas con Daniel Hermosilla nas que a biodiversidade de industrias en Galicia é protagonista.
Despois de publicar Unha nova Olanda. De Ferrol a Oporto: as cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global, Baamonde volve a interesarse polo funcionamento da política industrial en Galicia. Nesta proposta, o autor amosa como en Europa estamos asistindo ao retorno deste fenómeno. Atopámonos perante unha ventá de oportunidades e é preciso tomar decisións estratéxicas.
Galicia posúe un interesante sector industrial. Existe un amplo abano extenso de empresas cun alto valor tecnolóxico e internacionalizadas.
Nestas conversas, Daniel Hermosilla, director executivo de Rodiñas, insiste, contra a imaxe estereotipada, en que “aquí hai unha biodiversidade de industrias moi interesante. Capitalizadas, con maquinaria de última tecnoloxía, e que saben contratar persoas de talento. Empresas que souberon cambiar a mentalidade e entender que o mercado é o mundo enteiro. Se isto o sabemos aproveitar e artellar, pode ser un dos grandes activos de Galicia”.
Antón Baamonde (Vilalba, 1959) é licenciado en Filosofía. Ensaísta e articulista, é autor dunha obra onde o literario e o filosófico se funden en libros como Sobre o tempo (1990) e A rosa sen porqué (1997), publicadas en Editorial Galaxia.
Heterodoxo de si mesmo, intenta non repetirse, por iso, noutros traballos mirou pola fiestra o que pasaba e debuxou unha visión da sociedade galega: socioloxía a machado cunhas pingas de costumismo e leve ironía. Diletante e afeccionado ás venalidades e bagatelas, pensa o que pensa, e non o que os demais queren que pense.
O seu último ensaio publicado en Editorial Galaxia foi Unha nova Olanda (2021), onde defende que as cidades son “un estado de ánimo”, e propón un modelo de futuro para Galicia baseado na interconexión da súas urbes con con Portugal.