Presentación de “Fóra de campo”, no Porriño

Categoría: Nova

O mércores 9 de outubro, celebrarase, ás 19 h, no salón da Biblioteca Municipal do Porriño, a presentación de Fóra de campo, Premio Roberto Vidal Bolaño 2024, de Rosalía Fernández Rial.

Acompañando a autora, estarán Alejandro Lorenzo, alcalde do Concello do Porriño; Raquel Castro, (IES Ribeira do Louro); e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

FÓRA DE CAMPO, Premio Roberto Vidal Bolaño 2024, de Rosalía Fernández Rial. Publicada na colección Costa Oeste, esta obra enfoca o que fica alén do plano, o que se pode intuír pero non se ve, nese espazo onde se revela a cara oculta das redes sociais, o poder das contendas cotiás, os fíos que unen as mulleres que non se deixan enredar.

O Premio Roberto Vidal Bolaño 2024 nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados e lidos por alumnado do ensino secundario. Asemade, pretendemos honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego.

Rosalía Fernández Rial (Muxía, 1988) é filóloga, doutora en Didáctica das Linguas e da Expresión Dramática pola USC e performer.

Dedícase á escrita desde moi nova e, como poeta, publicou os libros En clave de sol (2009), Átonos (2011), Un mar de sensacións (2012), Vinte en escena (2012, 2014), Ningún amante sabe conducir (2014), Contra-acción (2016) e a antoloxía bilingüe Sacar a bailar. Poesía reunida (2009-2016) e Árbores no deserto (Galaxia, 2020). No ámbito da narrativa publicou Bonus Track (Galaxia, 2016), e no do ensaio, o seu traballo Aulas sen paredes (2016) un libro-DVD sobre unha metodoloxía innovadora no ámbito da didáctica das linguas que mereceu o Premio á Mellor Iniciativa Bibliográfica da II Gala do Libro Galego en 2017. En 2024 publica, na colección de Biblioteca de Intervención Social, Mover ficha. É gañadora do Premio Roberto Vidal Bolaño 2024 por Fóra de campo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email