Presentación de “Escenas, imaxes e sons do Camiño”, en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

Hoxe, ás 18:30 h, celebrarase, no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela, a presentación do libro Escenas, imaxes e sons do camiño, I Premio de Ensaio Camiño de Santiago 2020, de Jesús Curros Neira,
Acompañando o autor, participarán Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Xesús Palmou, presidente da Academia Xacobea, e Francisco Catro, director xeral de Editorial Galaxia.
Estamos diante dun ensaio que pon en valor a visión e o aproveitamento de todo o relacionado co tema xacobeo desde distintos ángulos culturais. O autor ofrécenos un texto elegantemente escrito, de fácil e amena lectura que, sen dúbida, captará a atención do lector desde as primeiras páxinas.
A arquitectura, a literatura, non só a galega e española, senón toda a literatura universal, pasando pola música, tanto sagrada como profana, o cine, e xéneros como o cómic ou a banda deseñada, cítanse nesta obra que foi merecente do Premio Camiño de Santiago 2020. Unha visión global dun fenómeno global, como é o camiño xacobeo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email