Este domingo celebramos o Día da Poesía

Categoría: Evento

O día 21 de marzo celébrase o Día da Poesía. Unha manifestación artística da diversidade, un vehículo para transmitir as emocións e os sentimentos máis profundos das persoas.
Fomentar a poesía nos máis pequenos é fundamental para estimular a súa creatividade e promover a versatilidade coa palabra. Nomes, de Xoán Carlos Domínguez Alberte, é unha obra perfecta para iniciar á cativada neste fermoso percorrido. Un libro máis deste autor na súa destacada carreira como poeta para a infancia.
O noso mundo está cheo de Nomes.
Nomes para que non se perdan.
Nomes para non nos perder nós.
Un libro, pertencente á colección Árbore, que amosa un dominio da palabra único, adornado coas fermosas ilustracións de Ana G. Buhigas.
A poesía obríganos a saír das marxes establecidas para cuestionar a forma en que usamos a palabra e o noso modo de percibir a realidade. Exprésase de maneira distinta e obriga ás lectoras e lectores a descubrir a esencia da mensaxe. Bo exemplo disto é o novo traballo poético de Manuel Seixas, Trevo, publicado na colección Dombate da Editorial Galaxia.
Trátase dun libro que recolle unha Triloxía de Outono, tres libros sobre a vida, a morte e a ausencia, acompañados das sutís, case coma haikus visuais, ilustracións de Xurxo Romero Durán. Seixas amósanos unha ollada íntima, sutil e crúa na procura do sentido desta existencia inexplicable. Un berro, unha bágoa, un triste sorriso mergullados entre a rabia, impotencia, perda e maxia que os humanos levamos ás costas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email