No pasamento de Xosé Ramón Barreiro

Categoría: Evento

Esta madrugada faleceu o historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández. Figura fundamental da cultura galega, foi presidente da Real Academia Galega, de 2001 a 2010, e autor de numerosas obras, tanto ensaios especializados como libros de divulgación.

Licenciouse e doutorouse en Dereito Canónico na Universidade Gregoriana de Roma. Doutorouse en Historia na Universidade de Santiago de Compostela coa tese ‘El campesinado gallego en la Historia contemporánea’ e é catedrático de Historia Contemporánea de Galicia na mesma universidade. Foi membro Consello da Cultura Galega desde a súa fundación.
 
Entre as súas obras pódense destacar: El carlismo gallego (1976), Historia Contemporánea de Galicia (1981), La imprenta en Galicia (1982) e os catro volumes dedicados aos séculos XIX e XX publicados dentro do Proxecto Galicia de Ed. Hércules, Os deputados de Galicia. Biografía de deputados e senadores (1810-2001) (2001), Historia da Universidade de Santiago (2001). Recibiu o Premio da Crítica (Investigación), en 1985 e 2000, o Premio Santiago da TVG no ano 1987, a Medalla Castelao no ano 1991, a Insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela e o Premio da Asociación de libreiros, entre outros.
O seu libro MURGUÍA, publicado na Editorial Galaxia, recibiu o Premio da Crítica 2013 na modalidade de Investigación.

Comparte nas túas redes sociais ou por email