Jesús Curros Neira recolle o I Premio de Ensaio Camiño de Santiago

Categoría: Nova

Onte celebrouse o acto de entrega do I Premio de Ensaio Camiño de Santiago. Recibiuno Jesús Curros Neira pola obra Escenas, imaxes e sons do Camiño, que vimos de publicar na Editorial Galaxia.
No acto participaron, canda o premiado, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, o presidente e o secretario da Academia Xacobea, Xesús Palmou e Ulises Bertolo; e mais o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro. A entrega contou coa actuación musical do cantautor Manoele de Felisa.
A obra gañadora, Escenas, Imaxes e Sonidos do Camiño, editada dobremente por Galaxia en versións galega e en castelá, pon en valor a visión e o aproveitamento de todo o relacionado co tema xacobeo desde diferentes ángulos culturais. O autor ofrece un texto elegantemente escrito, de sinxela e amena lectura que, sen dúbida, captará a atención do público lector desde as primeiras páxinas. Nela, a arquitectura, a literatura, galega, española e universal, a música sagrada e profana, o cine e xéneros como o tebeo, o cómic ou a banda deseñada danse cita desde unha visión global dun fenómeno como o Camiño de Santiago.
Jesús Curros Neira é licenciado en Dereito pola USC. Ademais deste premio, recibiu outros como o Vieiragrino (2017), en Valencia, polo relato La leyenda del diablo que viajaba en autobús. Nese mesmo ano foi galardoado cun accésit pola novela curta La isla de hierro, no XXII certame literario Santoña… la mar. Outros tres relatos seus, Desde un autobús, A las dos en punto de la tarde e Carretera a ninguna parte, tamén o foron no ano 2018 no XIII Concurso de Relatos de Viaxe da editorial Moleskin. En 2019 gañou o X Premio Internacional de Novela Alcorcón Siglo XXI, con Hubo un tiempo mágico y distante. Tamén publicou outros ensaios como Compostela, mil años de literatura y La evolución urbana de Santiago.

Comparte nas túas redes sociais ou por email