O mércores 20 de abril, celebrarase, ás 20 h, no MARCO de Vigo, unha conferencia-coloquio, con Xosé Ramón Pena, que leva por título “En tempo de desconto. Relatos sen data para o século XXI”, organizada polo Club Faro.
Acompañando o autor, estarán a escritora e tradutora Moncha Fuentes, e Xesús Domínguez Dono, director de produción de Editorial Galaxia.
Atopámonos perante un autor que pertence á mellor tradición de contistas do noso país. A súa obra está caracterizada por ser literatura de altura. Este libro de relatos, publicado na colección Literaria, é a confirmación diso, e de que estamos diante dun dos mellores narradores das letras galegas.
Esta obra, de alta calidade, está conformada por un mollo de historias que poderían ser en si mesmas partes dunha novela que as transita e atravesa e onde os personaxes, atrapados na vida, atropelados por ela, gobernan como mellor poden o seu destino. Coma as vías dun tren que nos leva, pero que non se sabe cara a onde, os que viven nestas historias veranse guiados por horizontes sorprendentes e inesperados que lles farán aceptar derrotas, gañar batallas e, en definitiva, vivir.
A escrita de Xosé Ramón Pena fainos viaxar, ademais, por un pasado posible, non por ficcionado menos verdadeiro. Un libro perfecto nos seus tempos, no soño ao que nos convida e polo xogo que, palabra a palabra, maxia da linguaxe, nos propón e nos reta.
Xosé Ramón Pena (Betanzos, 1956) é narrador, ensaísta e historiador da literatura. Asemade é colaborador habitual en prensa e asesor literario do suplemento “Faro da cultura”.