Merlín Comunicación, Grupo Editorial Galaxia, baixo o comisariado de Carlos Loureiro Rodríguez e Xesús Domínguez Dono, presenta a exposición: Manuel García Barros. Vida, obra e pensamento, patrocinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Coincidindo en datas coa resolución do II premio Alberte Quiñoi de álbum ilustrado e a Feira do Libro, ademais de conmemorarse neste mes de abril o 50 cabodano do pasamento do escritor, galeguista e labrego, Manuel García Barros (1876-1972), sae á luz esta exposición, con carácter informativo e didáctico, que busca achegar, de forma sinxela e clara, a figura de Ken Keirades aos seus conveciños a través de 7 paneis que repasan os momentos máis significativos da traxectoria do autor conmemorado, acompañados de material gráfico da época.
A exposición, que se inaugurará o xoves 21, ás 18 h na Casa das Letras, na Estrada, itinerará polos centros de ensino do Concello co fin de dar a coñecer a figura e pensamento do escritor de Berres ás novas xeracións estradenses.