Presentación de AMOR É UNHA PALABRA COMA OUTRA CALQUERA en Ferrol

Categoría: Nova

O escritor Francisco Castro presentará este mércores en Ferrol, na Galería Sargadelos, acompañado polo ilustrador Antonio Seijas, a súa nova novela, AMOR É UNHA PALABRA COMA OUTRA CALQUERA.
Deste libro o crítico Francisco Martínez Bouzas escribiu no seu blogue: "Agasállanos o autor arestora cunha novela, éxito de vendas e tamén mediático, na que se dan cita dúas fías narrativas: as relacións sentimentais e un thriller non carecente de suspense. Unha novela de amor, como a define o mesmo texto (páxina 57), pero con moito desamor, e sobre todo con moito amor mal entendido, ese amor infectado, tóxico, o amor romántico das telenovelas ou dos contos de fadas. Unha muller, a protagonista, náufraga dos sequeiros conxugais do desamor, que devece polo monoteísmo do amor romántico, porque a educación, a cultura acostuman reservar para as mulleres, nunha estratexia de dominación, o rol de se deixaren gobernar, de medrar namoradas, vendo ou escoitando fermosas e escravizantes historias de amor. Namoradas do amor, crendo ademais que as súas renuncias aseguran a súa felicidade e a da súa parella. É a percepción que ten Carla, a protagonista, unha idealización que se lle estraga cando o seu marido a abandona".

Comparte nas túas redes sociais ou por email