Editorial Galaxia presenta o libro 'Berrogüetto: O pulso da terra', primeira biografía sobre Berrogüetto escrita polo xornalista e crítico musical Fernando Neira e cun limiar de Manuel Rivas.
Berrogüetto é, sen dúbida, un dos grupos musicais máis relevantes que deu a música de raíz tradicional galega durante as dúas últimas décadas. O volume, que coincide co Ano da Música e co décimo quinto aniversario da banda, vai acompañado do primeiro audiovisual dun concerto ao vivo desta formación (gravado en colaboración coa TVG, en Santiago de Compostela en novembro de 2010) mais o CD co rexistro sonoro dese mesmo concerto.
'Berrogüetto: O pulso da terra' percorre de xeito minucioso a historia do grupo ao longo destes quince anos de actividade, tanto en Galicia como ao longo do Estado español e as súas xiras internacionais. Detalla a peripecia artística de todos os seus integrantes (os sete actuais e os que formaron parte da banda nalgún momento) e retrata a eclosión do folk galego como un dos fenómenos musicais máis relevantes para a recuperación do patrimonio cultural do país.
O libro nútrese de abundantes conversacións mantidas ex profeso para a ocasión con todos os músicos do grupo, así como con outras personalidades da cultura galega e estatal que desenvolveron un papel relevante ao longo destes tres lustros: compañeiros de profesión, colaboradores, representantes, técnicos, amigos… A través da historia de Berrogüetto, percórrese tamén a historia da música de raíz en Galicia durante os seus anos máis esplendorosos.
Non faltan no libro as fotografías imprescindibles para contar a historia, moitas delas inéditas, nun formato visualmente moi coidado coa estética propia de Berrogüetto e a solvencia técnica de Galaxia.
Editorial Galaxia e Berrogüetto Produccións acometen este proxecto multidiscipliar de forma conxunta nun exercicio de compartir as bondades e as capacidades que aporta a colaboración entre as diferentes industrias culturais.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR