Esta longa fin de semana foi fecunda no que a premios literarios se refire. Por unha banda, o venres, o coordinador de novos proxectos de Galaxia, Francisco Castro, recibía, por segunda vez (o anterior fora no 2006 por "Un bosque cheo de faias"), o premio literario Frei Martín Sarmiento, que conceden escolares de toda Galicia ao mellor libro publicado durante o curso académico anterior. A novela pola que foi galardoado foi "O ceo dos afogados", que fora finalista do Premio Caixa Galicia de Narrativa Xuvenil organizado por Edicións Xerais de Galicia. Castro resultou gañador na categoría que vai de 6º de primaria a 2º da ESO. Estes días Francisco Castro tirou do prelo "Chamádeme Simbad", na colección Árbore 12 anos.
Por outra banda, a Fundación Premios da Crítica-Galicia premiou "Estúrdiga materia", de Luis González Tosar. O xurado destacou "a forza expresiva da súa voz poética". Este poemario suma así un novo galardón despois do que, hai meses, fose escollido polos lectores do xornal "El Progreso" como o mellor do ano pasado.
Outro que repite galardón é Camilo Nogueira, no apartado de Ensaio e Creación, polo seu libro "Europa, o continente pensado", obra que a semana pasada fora merecente, tamén, do Losada Diéguez na mesma categoría.
Maio esperta con recoñecementos e, xa que logo, con esperanza.