Por que ler a Manuel María (tamén) após o 17 de Maio

Categoría: Opinión



O Día das Letras Galegas debe acompañar a xusta e meritoria recuperación de autores e autoras (en maior medida, se queremos mirarnos nun espello que reflicta a imaxe real do noso sistema literario) que construíron un persoal afluente alimentador dese gran río que é a literatura galega, cuxa canle discorre, con diferentes tramos e cursos, desde finais do século XII até a actualidade.

O epicentro do 17 de maio recollerá todas as ondas expansivas que a sociedade veu promovendo desde comezos de ano a través de colectivos musicais, teatrais, asociacións culturais, centros de ensino, pequeno comercio, editoriais, concellos, etc. Un ano de vizosa festa en que Manuel María é nome propio amplificado na boca do pobo que tanto amou, dentro e fóra de Galiza, onde a súa semente medrou prolífica e enraizada para se multiplicar como un eco atemporal.

Mais o 18 de maio tamén será un novo día para a descuberta primeiriza ou o reecontro procurado co universo Manuel María, co autor prolífico que asina máis de cen obras literarias, nomeadamente líricas, mais tamén narrativas, ensaísticas, dramatúrxicas e de prosa xornalística; co autor que transita entre a retórica e estilística clásica e a contemporánea; co escritor que modula os topoi convencionais e irrumpe con novos pulsos na escrita; co home de letras que procura a súa adaptación para todos os públicos facendo transitar, para confluír no horizonte, a madurez e a infancia, a función estética e a didáctica.

Manuel María editor, dinamizador sociocultural, conferenciante, libreiro, profesor, político, farán parte dese poliedro cuxas caras foron día a día, durante setenta e cinco anos, multiplicando os seus afectos no pobo.

O Día das Letras Galegas deste celebrado 2016 abrázanos para o resto dos días cun intelectual de altura, cun erudito que non se limitou a existir sobrevoando a realidade en abstracto desde a observación impersoal. Manuel María non viviu de costas ao país que tanto coñeceu, investigou, analizou e amou. Asumiu con responsabilidade as tarefas de cada ciclo vital, sempre de fronte na defensa da construción nacional, de mans dadas coas preocupacións do pobo silenciado, sempre vítima da inxustiza social.

A superación da dependencia opresiva do Estado español, a defensa dos valores identitarios, entre eles a lingua como máxima e irrenunciábel expresión do noso ser, a implicación activa, social e política, na procura dun futuro con voz propia, son a base da súa ética vital, coherente e consecuente, desde firmes principios nacionalistas, trasladada a unha obra viva, atemporal, de gran riqueza temática e estilística que retrata os fotogramas da segunda metade do século XX de imprescindíbel coñecemento no presente.

O país habita a súa obra, é imposíbel comprender unha sen o outro. O binomio perfecto, o individual e o colectivo, o home e o poeta. A palabra que trascende o corpo.

Arrabuñar na Terra / é anceiar amor.

Amor á Terra é, sen dúbida, o alicerce principal dunha obra monumental que sobrevive o tempo do corpo para nos agasallar, coa súa lectura, a ollada á auténtica e próxima Arcadia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email