A Casa das Campás acollerá mañá mércores 15 de abril ás 19h a presentación do libro Pontevedra. Laranxeiras e limoeiros, un volume que reúne os textos que 19 autores e autoras contemporáneas lle adican á cidade, acompañados polas imaxes da novísima fotógrafa pontevedresa Noel Queipo. Participarán no acto as coordinadoras do libro, Ana Acuña e Olivia Rodríguez; a fotógrafa Noel Queipo; e o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes. A seguir, ás 19h30, o presidente da Asociación Española da Crítica Literaria (AECL), Ángel Basanta, ofrecerá a conferencia Humanismo e crítica literaria.
Ambos os dous actos forman parte do programa de actividades organizado pola AECL co gallo da visita á cidade de 21 críticos literarios, que o sábado 18 fallarán en Pontevedra os Premios da Crítica Española, os máis importantes do Estado. O xuri, composto por críticos de prensa e de institucións académicas e culturais elixirá ao longo dos próximos días as mellores obras de narrativa e poesía nas catro linguas do Estado.
En paralelo, a cidade acollerá varias actividades literarias, como as xa mencionadas ou a mesa redonda que terá lugar esta mesma tarde ás 19h30 baixo o título Diálogo sobre a crítica literaria hoxe en Galicia, coa participación de Isabel Mociño, secretaria da Asociación Galega da Crítica; Ramón Nicolás, crítico de La Voz de Galicia e María Xesús Nogueira, presidenta da Asociación Galega da Crítica. Tamén de desenvolverá un Roteiro literario o venres 17 pola mañá, guiado por Ana Acuña e Víctor Freixanes.