Poeta: oficio ou cualificativo?

Categoría: Opinión
Nun recente simposio, un autor español mozo declaraba que “o poeta debe ser o faro da sociedade” e eu non me podía sentir menos identificada. De feito, penso que a herdada mitificación e aínda miStificación da poesía, ven sendo a orixe de moitos prexuízos e estereotipos que aturamos os e as que nos dedicamos a ela.
É coma se aos poetas se lles atribuíse unha distinta ‘categoría moral’ por enriba dun panadeiro, unha mestra, ebanista ou terapeuta. Existe unha pauta de comportamento onde debe encaixar o/a poeta, alén do que se debe esixir a calquera persoa pública? Entendo que a voz dos poetas poda ser puntualmente amplificada polos medios de comunicación, pero nunca a distancia da dun pintor, científica ou cantante.
Daquela, por que ás veces se reproba nos –e sobre todo nas- poetas comportamentos tan mundanos como ser empresario, posar para un medio gráfico, ter unha imaxe coidada ou cobrar polo seu traballo? Nunca entendín a frase “eu non son poeta, aspiro a selo”. Alguén que traballa a madeira ‘aspira a ser carpinteiro’? É “poeta” oficio ou adxectivo calificativo?

Comparte nas túas redes sociais ou por email