Para que entre e saia o aire

Categoría: Opinión
Abrimos esta fiestra para que as nosas letras, os nosos autores e as nosas autoras, os nosos creadores en xeral, teñan novos espazos para voar. Para voar cara adentro e para voar cara a fóra. Nos territorios da mundialización, a tecnoloxía permítenos chimpos impensables hai vinte anos. Editorial Galaxia naceu en 1950 cunha idea moi definida: manter o facho da resistencia do galeguismo fronte á ditadura, e mais para traballar pola dignidade da lingua no eido na cultura e do coñecemento, pola súa modernidade, pensando sobre todo na sementeira das novas xeracións. Hoxe os tempos non son aqueles, afortunadamente. Mais os desafíos seguen sendo importantes. Estar na contemporaneidade significa abrir camiños, arestora máis necesarios ca nunca, para que entre e saia o aire, tamén para que entremos e saiamos nós, a falar co mundo, a dialogar coas voces todas, porque quen non está activo nestes ámbitos está condenado a esmorecer. Velaquí un novo territorio. Para que o habitemos.
 
 

 

Comparte nas túas redes sociais ou por email