Contra o medio día do venres inaugurábase no mirador da Praza da Pedra de Vigo a exposición 'Vigo, cidade do mar amado'. No acto, seguido por unha cantidade importante de público ademais da prensa, interveu en primeiro lugar o Concelleiro de Patrimonio, Eudosio Álvarez quen explicou que estabamos diante dun proxecto moi querido dentro do proceso de recuperación do Casco Vello mais pensado, tamén, para ofrecer aos moitos turistas que visitan a cidade ao longo do ano, unha información completa do que é a cidade, a súa historia e a súa importancia no conxunto do país. Ao tempo, gabou o escenario escollido pola mostra na medida en que está situada sobre un balcón enriba da Ría de Vigo.
Despois, o Tenente de Alcalde, Santiago Domínguez Olveira, declarou que 'aspiramos a que todos os vigueses, pero tamén os que nos visitan entendan o que é esta cidade'. Ao tempo insistiu en que 'os vigueses temos que aprender a valorar a nosa cidade'. Despois deste preámbulo, pasou a explicar o sentido dos trinta paneis que conforman a exposición e que repasan a historia da cidade 'pero tamén o que somos e o que queremos transmitir pra o futuro'. Por iso, como explicou, 'a mostra detense nos persoeiros máis sobranceiros da historia (Elduayen, Policarpo Sanz… ), pero pasa revista tamén ao vencello da cidade coa cultura (as editoriais galegas, os xornais…), ademais da unión entre a nosa historia e a do resto de Galicia'. Rematou a súa intervención felicitando a Merlín Comunicación, do Grupo Editorial Galaxia, polo bo traballo realizado na elaboración da mostra.
Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, foi o seguinte en intervir e comezou sinalando 'o bonito que é que forzas políticas tan distintas como as hoxe concentradas aquí estean xuntas para arroupar esta iniciativa'. Sinalou que, 'igual que hai que abrir Vigo ao mar, hai que abrir Vigo a nós mesmos', para declararse, a pesar de ter nacido en Pontevedra, 'vigués de nación consciente, xa que Vigo sempre foi cidade de acollida, ademais do pulmón de Galicia'. Rematou a súa intervención explicando que estabamos diante dunha mostra que pretende recoller a esencia da cidade, 'polo que convido aos escolares e ás familias a visitar a mostra e así podermos conquistar máis territorios para Vigo'.
Pechou o acto a Delegada Territorial da Xunta de Galicia, Lucía Molares, quen pediu que a mostra 'nos sirva de axuda para entender que Vigo é un orgullo, coa súa Ría magnífica, a súa cultura, o noso patrimonio histórico, o Vigo obreiro e industrial, en definitiva, todas esas realidades recollidas nestes paneis da mostra'.