Un libro de éxito, sen dúbida, e unha magnífica estrea para un escritor que comenzaba. A novela Ollos de auga non para de dar satisfaccións. Acabamos de sacar a rúa a quinta edición en lingua galega dunha novela que se confirma coma un dos acontecementos editoriais dos últimos anos. O detective Caldas, o seu protagonista, e o seu axudante, o aragonés Estévez, xa forman parte do imaxinario da ficción galega.
Ollos de auga foi traducida ao castelán e publicada por Editorial Siruela, que vai pola sexta reimpresión. Foi xa traducida por cinco editoriais europeas: Unionsverlag en alemán, Ponte Alle Grazie en italiano, Ciela en búlgaro, AST en ruso, e Arcadia Books en inglés. Este ano vai asistir como autor invitado ao Edimburgh Book Festival, o encontro literario máis importante do Reino Unido, para presentar o libro no mercado británico.
Domingo Villar (Vigo, 1971) reside habitualmente en Madrid, onde traballa dende hai tempo como guionista de cine e de televisión. Tamén exerce a crítica gastronómica na SER e é colaborador de distintos medios escritos. Ollos de auga é a súa primeira novela, centrada na cidade de Vigo, cuxos ambientes e personaxes percorre con especial talento e cunha magnífica capacidade para o relato de acción, a construción dos personaxes e o ritmo narrativo. Anteriormente recibira o Premio Brigada 21, un dos galardóns de maior prestixio no xénero policial, e o I Premio Sintagma á mellor primeira novela publicada en España.
Domingo Villar traballa nunha nova aventura do seu personaxe, o inspector Caldas. Desta vez a acción se desenvolve en Panxón, arredor do mundo da pesca e os seus negocios, as súas intrigas e o seu ambiente característico: un universo dentro do universo.
O prestixioso certame de literatura infantil e xuvenil Frei Martín Sarmiento abandona Santiago de Compostela para celebrar a súa cuarta edición en Vilagarcía na "Festa da Lingua". O xurado deste premio está formado por 5.300 escolares de 32 colexios relixiosos distribuidos por toda Galicia. Este premio vaise consolidando cada ano xa que é o único de literatura infantil e xuvenil que conceden os propios lectores.