Otero sempre en Vigo

Categoría: Nova

O martes pasado, o director do museo Verbum-Casa das Palabras, Rosendo Covelo, e o coordinador de novos proxectos da Editorial Galaxia, Francisco Castro, inauguraron a exposición didáctica, 'Otero sempre en Trasalba'.
O director da Casa das Palabras realizou unha semblanza do patriarca das letras galegas, explicando a satisfacción que supuña para o museo vigués contar con esta exposición que permitirá aos escolares achegarse ata o centro para profundar na ricaz obra de Ramón Otero Pedrayo.
Pola súa banda, Francisco Castro explicou os contidos da exposición, que é algo máis cá unha mostra. Por unha banda, repásase a través dos paneis a poliédrica obra dun dos autores máis pluridimensionais que ten dado a nosa cultura. Deste xeito, os que se acheguen pola exposición irán navegando polas distintas facetas da súa vida e obra: o Otero deputado, o membro da Xeración Nós, o activista cultural, o profesor, o orador…
A mostra compleméntase con cinco días (27, 28, 29 de Outubro e 3 e 4 de novembro) nos que a actriz Sabela Galo levará adiante un espectáculo teatral baseado no libro 'Contos do camiño e da rúa' para, en palabras de Francisco Castro, 'achegar aos escolares a obra de Otero dun xeito seductor, para que despois a lectura sexa aínda máis apetecible'.
Finalmente destacou o simbólico feito de que esta exposición se inaugurase ao carón da que neste momento está aberta sobre Ramón Piñeiro, tamén da man da Editorial Galaxia. "Sen persoas como Otero e Piñeiro a Galicia de hoxe non sería posible".
No acto de inauguración estiveron presentes un amplo número de docentes que tiveron ocasión de informarse máis polo miúdo das características da exposición e das actividades paralelas pensadas para os seus alumnos e alumnas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email