“Os afogados”, unha distopía que reflexiona sobre a ciencia e a natureza

Categoría: Nova

O autor Pablo J. Rañales gañou, nesta edición 2023, o Premio Illa Nova de Narrativa por Os afogados, unha distopía que leva á reflexión sobre as relacións humanas, a contorna e o medio ambiente.

Publicada na colección Literaria de Editorial Galaxia, esta obra, introduce ás lectoras e lectores sobre unha nova especie animal que invade a Galicia do século XXI. Os afogados, uns seres compostos de cunchas, algas e navallas, emerxerán do máis fondo do Océano Atlántico e encherán todas e cada unha das praias.

Que queren? A que agardan? Por que teñen forma antropomórfica?

A humanidade terá que buscar as respostas á vez que afrontan este reto, dende o plano social e colectivo. 

Empregando a linguaxe inclusiva, Rañales achega a súa escrita, a través de diálogos directos, sen artificios. Nesta historia, o autor sitúa a familia ao servizo da comunidade, introducindo o tema do medo, e os tan actuais discursos de odio. 

Unha interante reflexión sobre a relación coa natureza e a viralización dos discursos de odio, ademais de relexionar sobre a función da ciencia e a paisaxe nas nosas vidas.

A Editorial Galaxia coa colaboración do Ámbito Cultural El Corte Inglés convoca cada ano o Premio Literario Illa Nova de Narrativa para autores e autoras menores de 35 anos co obxectivo de estimular a creación. En 1957 a Editorial Galaxia botou a andar a colección Illa Nova, coa que pretendían dar continuidade ao proxecto da editora a través das novas xeracións, sempre con vontade de renovación. Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección onde saíron algunhas das principais obras do que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”. Con esta mesma finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria, en 2017 nacía o Premio Illa Nova de Narrativa, que este ano acadou a súa sétima edición.

Pablo J. Rañales (Mugardos, 1999) é graduado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Comezou no mundo editorial na adolescencia e a través de dúas obras colectivas: La narrativa de suspense (2015) e Seis días para leer y mil noches para soñar (2016). Continuou coa publicación do seu relato “Amor imperfecto” na revista norteamericana Contrapuntos V, en 2017, impartiu clases de escritura creativa en Ares e obtivo o I Premio de Literatura Experimental (2020) da Fundación Wenceslao Fernández Flórez.

En 2021 chegou ao mercado literario a súa primeira novela, Siervos de tinta, e en 2023 materializouse a segunda, En la chepa del busero, ambas as dúas desenvolvendo un persoal realismo máxico. En xuño dese mesmo ano, gañou a sétima edición do Premio Illa Nova de Narrativa con Os afogados.

Comparte nas túas redes sociais ou por email