Ola, ola, la!

Categoría: Nova

O teatro Coliseo Noela, de Noia, acollerá o sábado 20 de novembro ás 18.30 horas a primeira función de Ola, ola, lá! Este espectáculo será conducido polo conxunto Mamá Cabra, ben coñecido polos nenos e nenas galegos, e está destinado ao público entre os 4 e os 8 anos. Ritmo e electricidade a dar voltas polo corpo, as melodías deste concerto servirán para que os máis pequenos aprendan cancións en galego e gocen coa lingua. A actividade prolóngase despois na casa, ou no coche, da man dun DVD-karaoke co que os rapaces e rapazas se poderán sentir parte do grupo.
Esta actividade, inserida dentro do programa 'Bocaberta' da Secretaría Xeral de Política Lingüística, complétase coa entrega dun libro do mesmo título aos asistentes aos obradoiros que seguirán á actividade, que contén, por unha banda, un CD coas cancións do grupo e, por outra, un DVD cun karaoke para que sigan cantando na casa. No libro, ilustrado por Kristina Sabaite, a escritora Gloria Sánchez inseriu un divertido conto que vai viaxando polas cancións e polas páxinas todas dun libro-disco que está chamado a engaiolar a cativos e grandes.

Comparte nas túas redes sociais ou por email