O segundo tren de María Fumaça presentouse en Compostela

Categoría: Nova

María Fumaça, a locomotora feliz que dende hai uns anos está a percorrer Galicia, presentou o mércores na biblioteca Ánxel Casal o seu segundo libro-disco-deuvedé publicado pola editorial Galaxia, "Xiqui xoque, fiú fiú!". Ao acto, que contou cun pequeno concerto, acudiu unha representación da familia María Fumaça encabezada por Uxía e o seu sobriño e afillado Ruí, os seu pais Chus Domínguez e Manuel Sío, o acordeonista Santi Cribeiro, o cantante e compositor Magín Blanco e Sérgio Tannus, guitarrista e arranxista dos temas do disco.
Logo da intervención de Francisco Castro, en nome da editorial, tomou a palabra Uxía, quen explicou que a iniciativa naceu hai 7 anos, cando ela, que é a súa madriña, quixo facerlle un agasallo moi especial a Ruí: un disco, no convencemento de que a música é a máis universal das linguaxes do corazón. A partir dese momento, amigos e familiares comezaron a colaborar na produción dunha peza que ao primeiro limitábase ao copiado doméstico e distribución entre amigos e coñecidos.
Como explicou Manuel Sío na súa intervención, ao ver as dimensións que ia collendo o proxecto, e como era tanta a xente a que quería que medrase máis, se entendeu a necesidade de facer unha edición máis coidada e completa. Aí entrou en xogo Galaxia que "sempre apostou e nos mimou", segundo recoñeceu.
Segundo explicaron Uxía e Manuel, o obxectivo é derrubar todo tipo de barreiras físicas e mentais, e «normalizar ás discapacidades como unha desas moitas diferencias que enriquecen ás nosas vidas».
Rematou a rolda de prensa, na que participaron moitos nenos e nenas da Biblioteca Ánxel Casal coa interpretación dalgúns dos temas desta nova parada do tren da familia Fumaça na estación da alegría.

Comparte nas túas redes sociais ou por email