Participaron neste acto de presentación aos medios de comunicación a Secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López Martínez, o Director da Refinería de Repsol YPF na Coruña, Rafael Rubio Fernández e Víctor F. Freixanes, Director Xeral da Editorial Galaxia.
Rafael Rubio fixo un agradecemento ás institucións que apoian este premio e valorou moi positivamente a presencia das dúas novelas premiadas (a de Anxos Sumai e a de Miguel Sande) nas principais estacións de servicio de REPSOL en Galicia. Por primeira vez, os libros galegos apareceron dese xeito neste circuito comercial de estradas e autoestradas, á par das caixas rexistradoras e outros produtos, abrindo unha vía para a promoción e difusión do libro. Marisol López, secretaria xeral de Política Lingüística, falou da importancia desta clase de alianzas entre a sociedade civil e as institucións. A implicación do mundo da empresa é fundamental para que este premio, así como outras iniciativas en prol da literatura galega, acade un maior recoñecemento.
Neste acto presentouse tamén o xurado que escollerá a obra gañadora desta III edición. Estará composto por: Mercedes Queixas, en representación da AELG; Miguel Anxo Fernán-Vello, da AGE; Xosé Luís Axeitos, da RAG; Anxo Tarrío, en representación da Secretaría Xeral de Política Lingüística; Francisco Pillado, asesor cultural de Repsol; Carlos Lema, de Editorial Galaxia, e Anxos Sumai, gañadora da edición de 2007.
As novelas premiadas nas dúas primeiras edicións, Se algún día esta muller morta, de Miguel Sande, e Así nacen as baleas, de Anxos Sumai, acadaron un gran éxito de críticos e lectores e desde Editorial Galaxia estamos iniciando as xestións para a tradución a outras linguas.