O Museo da Inocencia

Categoría: Nova

O Museo da Inocencia publícase en galego antes ca en ningunha lingua europea, agás o alemán. É unha das novelas actuais máis interesantes e máis ambiciosas, coas súas máis de 700 páxs., nas que se relata a historia dunha paixón amorosa que se desenvolve en Istambul, entre 1975 e os derradeiros anos do século XX. Pamuk conta a historia de Kemal, fillo dunha das familias máis ricas da cidade, e a do seu obsesivo amor secreto por unha rapaza da clase traballadora. Kemal reúne os obxectos que pertencían á súa amada e, a través deles, vai narrando a historia de amor que marcou a súa vida. O escritor turco realiza unha crítica, non exenta de tenrura, da experiencia amorosa como posesión, unha reivindicación da forza das mulleres para acabar coa idea da muller como obxecto.

A impresionante recreación do Istambul da década de 1970, desde os barrios burgueses ao mundo do cinema, das "villas" de veraneo á beira do Bósforo aos barrios populares e á sociedade na que perviven os modos de vida aínda non completamente occidentalizados, fai da novela un ámbito no que se representa simbolicamente o enfrontamento entre Primeiro e Terceiro Mundo nun só país (Turquía) xusto no momento nos que as contradicións sociais están en pleno apoxeo.

A novela de Pamuk, traducida por Bartug Aykan e María Alonso Seisdedos, sae na Biblioteca Compostela, colección publicada coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Santiago e que xa ten entre os seus títulos O castelo branco, a primeira novela do escritor turco, e Istambul, o libro de lembranzas sobre a súa cidade natal.

Comparte nas túas redes sociais ou por email