Hoxe soubemos da grata nova de que a novela de Inma López Silva, "Memoria de cidades sen luz", viña de ser recoñecida co premio Arcebispo San Clemente, un dos, en palabras da autora "premios máis bonitos que hai, porque é un xurado de alumnos e toman o seu labor moi en serio".
Con este novo galardón, a novela de Inma López Silva convírtese nunha das máis recoñecidas do ano, xa que, ademais do Blanco Amor, que recibira en 2008, foi merecente tamén do Premio á Mellor Obra na categoría de Narrativa por parte dos socios e socias da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Xa que logo, esta novela recibe o parabén, tanto dos principais destinatarios, os lectores e lectoras, así como dos colegas de profesión que vén e confirman a Inma López Silva como unha das escritoras con máis proxección do panorama literario actual.