Ardeu Roma. A carraxe prendeu nas rúas. Berlusconi zafou da censura mercando a varios deputados da oposición. Dise que o inmoral é ineficaz, pero Il Cavalieri deturpa todos os códigos da democracia: é o triunfo do todo vale para conquistar ou manterse no poder. A súa frase é para a Historia: “Eu sempre gano, estou condenado a vencer.”
Desfiuzada polo populismo de Berlusconi, a democracia italiana esmorece e ve como apodrecen as súas institucións. Lembra os peores emperadores da antiga Roma: caprichoso, tiránico, soberbio, corrupto. Nerón ou Calígula do século XXI, fai da política un grotesco exercicio de despotismo.
A gravidade da crise económica tapa a crise política que padece Europa. Berlusconi é a expresión máis procaz do autoritarismo que paira sobre as nosas democracias. Hai moito tempo que o pazo non atende ao que acontece na praza dos cidadáns. Negrura sobre as nosas liberdades. Antonte, fronte ao emperador Silvio, o único esperanzador era o lume e a digna coraxe dos rebeldes.