Escoller onde buscar

“Maxina ou a filla espuria”, un dos mellores libros editados de España

Categoría: Nova

Acabamos de saber que o Ministerio de Cultura recoñeceu, co terceiro premio, a edición do libro de Marcial Valladares, MAXINA OU A FILLA ESPURIA, como un dos mellores libros do ano na categoría de Facsímiles.

En Maxina, seguindo moldes da novela folletín da época, cóntase a tormentosa e desgraciada historia de Otilia de Sancti-Petri, unha moza da burguesía compostelá que é violada nun baile de máscaras, a consecuencia do cal nacerá unha nena que chamarán Maxina. Co fin de preservar a honra da nai, a nena será dada ao hospicio, e logo recollida e criada polos labregos Inés e Caitán, xunto ao seu medio irmán Ermelio, afillado de Salvio, o señorito de Rebordán, namorado e pretendente de Otilia. O azar folletinesco acabará permitindo coñecer a orixe de Maxina, descubrir o autor da violación, proclamar a inocencia de Otilia e saber do futuro de Maxina, localizándose a acción entre 1850 e 1868 nas, para o autor, queridas paisaxes da Ulla.
Nesta edición ofrécese un texto actualizado, para facilitar o acceso á súa lectura, e acompañado coa reprodución facsimilar caligráfica do manuscrito orixinal realizado en 1870 e depositado nos arquivos da Real Academia Galega.
A edición, a cargo de Xesús Domínguez Dono, director de Produción de Editorial Galaxia, maquetada pola deseñadora Hayat Husein, que publicou a Editorial Galaxia é froito dun acordo coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Real Academia Galega.
A dixitalización do manuscrito foi realizada por Unayta.
Este libro xunto ao resto de premiados amosarase nas ferias internacionais do libro LIBER, Fráncfort e Leipzig. Nestas dúas últimas, poderá verse na exposición Best Book Design from all over the world.
Marcial Valladares Núñez (Vilancosta, Berres-A Estrada, 14-VI-1821-20-V.1903) ocupa un posto sobranceiro entre os Precursores, que se propuxeron devolverlle a Galicia a dignidade política e cultural como pobo que lle foran negando nos séculos anteriores, e foi sen dúbida dos que máis entusiasmo puxo en cultivar “as cousas da súa Terra”: as súas tradicións e costumes, a súa literatura, a súa lingua…, para que fosen motivo de orgullo para os galegos e, asemade, para que fosen coñecidas polas xeracións vindeiras, para o que realizou variados traballos, entre os que destacan o Diccionario gallego-gastellano, publicado en 1884, e a considerada primeira novela en galego, Maxina ou a filla espuria, publicada en 1880 por entregas na revista madrileña La Ilustración Gallega y Asturiana, que dirixía Murguía, e cunha primeira edición en libro en  Editorial Galaxia en 1970.

Comparte nas túas redes sociais ou por email