A novela O lanzador de coitelos, de Fernando Castro Paredes, publicada por Editorial Galaxia, vén de ser distinguida co Premio Nacional da Crítica Española de Narrativa Galega 2025.
O xurado destacou a obra como un thriller “delicioso e duro á vez”, salientando a súa capacidade para combinar a tensión narrativa propia do xénero cunha prosa de gran forza literaria e unha fonda dimensión psicolóxica. Segundo a valoración emitida, a novela presenta ecos de autores como Fernando Pessoa, William Faulkner ou Eça de Queirós, e constrúe unha proposta que transcende os códigos do suspense para situarse nun territorio literario de maior ambición e profundidade.
Galardoada previamente co Premio Galaxia de Novela 75 Anos, O lanzador de coitelos parte dunha premisa de thriller clásico: un sicario é contratado para raptar unha figura prominente das letras, un poeta húngaro emigrado a París. Mais a operación dará un xiro inesperado e ambos os protagonistas acabarán confrontados cun pasado que crían enterrado.
A partir desta trama, Fernando Castro Paredes constrúe unha novela sofisticada que explora un universo de identidades duplicadas e contraditorias, e que afonda en cuestións como a liberdade, a memoria, o fracaso, a corrupción humana e a procura da identidade.
Este recoñecemento consolida O lanzador de coitelos como unha das obras máis destacadas do panorama literario galego actual e reafirma a voz de Fernando Castro Paredes como unha das máis singulares da narrativa.