“A espera. Dúas historias de amor”, de Iria Collazo, gaña o XXXVIII Premio de Novela Manuel García Barros

Categoría: Nova

O xurado do XXXVIII Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades), reunido o 14 de abril de 2026 na Casa do Concello da Estrada, acordou por unanimidade conceder o galardón á obra A espera. Dúas historias de amor, da autoría de Iria Collazo López.

O xurado destacou da novela a súa capacidade para mergullar o lector nunha poderosa historia de amor e desamor entre dous autores que se atopan na escrita e se afastan na vida.

Segundo recolle a acta, a obra presenta unha narración de grande forza emocional, que conduce por un carrusel de ledicias, tristuras, encontros e desencontros, debuxando un complexo mundo de relacións interpersoais no que ninguén sae indemne.

Tamén se salientou a súa escrita con profusión de citas literarias, o fino esmerilado dos dous períodos narrativos, a admiración pola contención expresiva e o esmaltado de prosa poética que percorre a novela, conducindo a un final climático que a pecha luminosamente.

O xurado estivo composto por Ánxela Rodríguez Rodríguez, Laura Paz Fentanes, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, actuando como secretario Carlos Loureiro Rodríguez.

Iria Collazo (1981) naceu en Barro, na mesma terra onde Celeste daba en turrar pola cavadora, e desde os sete anos reside en Moaña, a carón do mesmo mar en que Antón nunca foi quen de faenar.

É profesora de Ensino Secundario e, como dicía súa avoa, “literata”, con varias obras publicadas: Coma unha áncora (2015), A soidade das medusas (2016) e A casa do paralelo 54 (2019), todas na colección Costa Oeste de Editorial Galaxia. En 2020
publicou o poemario De casa queimada, gañador do segundo premio do certame Torre da Caldaloba. En 2021 recibiu a I Bolsa Intercambio Xacobeo 21 Galicia-Xeorxia e, grazas á estadía dun mes na Writer’s House de Tbilisi, puido rematar Os
mortos que amei
, dedicada á memoria dos seus avós.

Comparte nas túas redes sociais ou por email